Medio Ambiente inicia a tramitación pública do Decreto que regulará o informe de avaliación de edificios de máis de 50 anos de antigüidade
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se inicia este proceso para esta nova ferramenta, pola que tamén se crea o Rexistro Galego de Informes de Avaliación do Edificación no que se inscribirán todas as memorias que se redacten en Galicia
Aqueles inmobles que conten cun certificado de Inspección Técnica de Edificación (ITE) só deberán completar o Informe de Avaliación coa parte relativa á accesibilidade e eficiencia enerxética
Este informe permitirá o coñecemento detallado do estado de conservación do edificio e identifica as posibles reparacións e rehabilitacións Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2019
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete a información pública o Decreto polo que se regulará o Informe de Avaliación Estratéxica (IAE), no que se recollerá que os inmobles que teñan máis de 50 anos de antigüidade, ou máis, deberán contar con este informe.
O IAE terá que ser elaborado por un técnico competente e servirá para acreditar a situación na que se atopa un edificio en relación co seu estado de conservación, co cumprimento da normativa vixente sobre accesibilidade e co seu grao de eficiencia enerxética.
Esta medida tamén será obrigatoria, ademais de para os edificios de vivendas cunha antigüidade superior a 50 anos, para outros edificios se así o establece a normativa autonómica ou municipal. Non obstante, a antigüidade dos edificios obrigados a obter o IAE poderá ser rebaixada pola normativa municipal.
No caso dos inmobles declarados Ben de Interese Cultural o informe incluirá a avaliación do estado de conservación dos elementos merecentes de protección cultural; mentres que os inmobles que xa conten coa ITE (Inspección Técnica de Edificacións) estes poderá incorporarse ao IAE, completando o referido á accesibilidade e eficiencia enerxética.
A elaboración do IAE garante, aos propietarios de vivendas e ás comunidades de propietarios, un coñecemento detallado da situación do inmoble e permite coñecer de forma preventiva as posibles actuacións que sexan necesarias realizar no mesmo para evitar futuros deterioros que poidan causar danos, tanto aos propios habitantes do inmoble como a terceiras persoas.
Nese sentido, a Xunta habilita cada exercicio varias liñas de axudas para a execución das reparacións necesarias que se poidan detectar a través do informe, tanto para actuacións de conservación dos inmobles como en materia de eficiencia enerxética e da sostibilidade das vivendas, ás cales se destinarán máis de 12,7 millóns de euros; ademais dos incentivos que se reservan ás áreas de rehabilitación integral (ARI) e ás ARI do Camiño de Santiago.
O IAE terá unha vixencia de dez anos desde a data da súa emisión, salvo que o concello estableza unha vixencia menor mediante unha ordenanza municipal. A información e o contido que deberá integrarse no IAE está determinado en base á Lei 1/2019, do 22 de abril, que establece que regulamentariamente se determinará o contido detallado, a estrutura, o alcance e os efectos derivados dos informes de avaliación dos edificios.
O IGVS está a traballar nunha aplicación informática, que estará a disposición dos técnicos, de xeito que se permita a transmisión dos datos do informe ao seu rexistro, co fin de facilitar e homoxenizar este trámite.
Rexistro Galego de Informes
O Decreto, que se somete á información pública por un período de 15 días a partir de mañá, tamén prevé a creación do Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios (REGIAE), no que se inscribirán os IAE e as súas actualizacións, como a emenda das deficiencias en informes desfavorables, as renovacións e cancelacións dos informes previamente inscritos e as revogacións das inscricións consecuencia das revisións ou inspeccións realizadas con posterioridade á inscrición.
O REGIAE será público, estará adscrito ao Instituto Galego da Vivenda e Solo e contará cun servizo de consulta que facilitará aos cidadáns os principais datos do Rexistro e aos concellos toda a información dos edificios do seu ámbito de competencias.